Inicio
|
|
| Fotografía en Pixabay, de akshayapatra baixo (CC0 1.0) |
Ligamundos é un programa experimental que ten como principal obxectivo achegar Internet a lugares do mundo que a día de hoxe non teñen acceso ou dispoñen dun acceso moi deficiente á Rede, ao tempo que nos axuda a coñecer outras realidades humanas coas que compartimos o mesmo planeta. Ligamundos vén de seleccionar varias comunidades para implantar un proxecto piloto de telecentros que permita avaliar as dificultades e as posibles solucións a adoptar para levar Internet a todo o mundo.
Pero Ligamundos é moito máis. Este programa propón que sexamos nós, o alumnado, quen integremos os grupos técnicos de cooperación que van desenvolver os proxectos de implantación de Internet para cada unha destas comunidades. En outras palabras: pídennos que aceptemos o reto de seren nós mesmos/as quen exploremos o territorio, a cultura e a sociedade desas comunidades e propoñamos as solucións técnicas máis axeitadas ás súas características e intereses particulares.
Nesta viaxe, coa axuda de Ligamundos, aprenderemos a desenvolver un proxecto técnico para levar Internet a unha comunidade, utilizando a información e os recursos propios da Rede e algunhas ferramentas de software libre.
E agora preparémonos para comezar esta aventura.
Autoría: Mª Jesús Gómez Suárez. Este material didáctico foi elaborado durante unha licenza por formación para o profesorado, retribuída pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Licenciado baixo a GNU Free Documentation License

